9 jul 2010

DÍA 8 DE XULLO

Hoxe ás 10:30, durante o recreo, visitamos os alumnos que están na escola de arriba, St. Oliver Plunkett, separada só uns poucos metros da sede principal. Alí están catro alumnos do nivel superior -o proficiency-, os demais están todos na escola de abaixo. Atopámolos comodamente sentados na herba, descansando un pouco ata que chegou a rapaza coa campaíña, como as da misa, para avisalos de que debían entrar de novo na aula.


Ao rematar as clases, collemos un autobús e, de camiño a Knowth, viaxamos polo val do Boyne, contemplando fermosas paisaxes rurais con casas espalladas rodeadas de sebes perfectamente recortadas, grandes leiras de patacas (os irlandeses son, parafraseando a Manuel Rivas, tan “comedores de patacas” coma nós), extensos prados onde pacían tranquilamente vacas e ovellas (e tamén numerosos corvos…). Unha paisaxe moi bonita e moi parecida á nosa.




En Knowth, logo dun pequeno atranco (a guìa Kate e o condutor ìan algo despistados e decatàmonos de que non nos estaban levando polo lugar adecuado, tivemos que explicarlles aonde tinamos que ir e houbo que volver para atràs) dirixímonos primeiro ao Visitor Center (onde pretendìan cobrarnos 75 $, pero despois de aclararlles que realizaramos directamente a reserva desde Ourense e durante o curso escolar, conseguimos entrar gratis). Alì vimos unha interesante exposición sobre o Neolítico coa reprodución de cabanas, tecidos, etc. Vimos un vídeo que explica o percorrido dos raios de sol durante o solsticio de inverno e de verán e a orientación da tumba para que penetren ata o seu interior os raios do sol durante o solsticio de inverno e de verán. E tamén vimos unha reprodución de Newgrange.

A continuación, un bus trasladounos ata a zona arqueolóxica de Knowth, formada por un gran túmulo de grandes dimensións con 2 tumbas, rodeado de 17 sepulturas menores. O túmulo está rodeado por 127 pedras decoradas con motivos xeométricos e espirais. Constitúe o máis importante xacemento do Neolítico europeo. O noso guía explicounos os distintos usos ao longo dos séculos, desde sepultura a refuxio durante as invasións normandas, tamén nos falou da procedencia das pedras, e da función de cada un dos elementos que iamos atopando.






Algúns rapaces penetraron arrastrándose polo estreito pasadizo que usaban para fuxir das casas: Irene





Irina



Ébora



Contemplamos os pasadizos interiores.


Vimos as inscricións das grandes pedras do exterior.

E tamén puidemos ascender ata a parte superior do túmulo, desde onde puidemos contemplar unha impresionante panorámica, co túmulo de Newgrange ao lonxe.



Despois, de regreso no Visitor Centre, o noso autobús levounos ata Monasterboice, o vello mosteiro do s. VI.


Alí o guía amosounos as High Crosses, as cruces de pedra máis famosas de Irlanda, decoradas con imaxes da Biblia:
A Muiredach’s Cross,





A West Cross, a carón da Round Tower




E a Nort Cross, a máis antiga.



E, logo desta intensa e interesante clase de inglés, regresamos a Malahide para cear e acudir ás 7 á sesión de disco nun salón da parroquia de St. Andrews. Desta vez non houbo exhibición de danzas irlandesas, só bailaron a Macarena e algún outro éxito similar; pero os rapaces pasárono ben, que é o importante.

A escola comunicounos que reservou para o domingo un salón do Gran Hotel para que todos os españois poidamos ver a final do fútbol nunha gran pantalla. Todo un detalle pola súa parte. Aló estaremos, pois.



No hay comentarios:

Publicar un comentario